Os 6.800 votos non foron suficientes para acadar o 5 por cento de portentaxe necesario para lograr un concelleiro na Corporación viguesa, quedándose ás portas con un 4,82 por cento. «Na organización teremos que facer unha reflexión e tomar nota da mensaxe que a cidadanía nos manda con este resultado», sinalou Otero, en referencia á perda de case 10.000 votos con respecto ás anteriores eleccións municipais, nas que a formación xa sufrira un descalabro ao pasar de 5 a 3 concelleiros.
Otero, que agradeceu o traballo da militancia, dos simpatizantes, dos independentes e dos case 7.000 vigueses que apoiaron a súa lista, sinalou que nese aspecto queda «satisfeito» ao igual que no traballo da organización. «Confiaron en nós e siguen confiando en non esperamos defraudalos», dixo.
«Dixen que si baixábamos de tres concelleiros ía a recoñecer que era malo e nos quedamos sen representación co que hai que asumir que é malo pero o BNG non remata hoxe na cidade de Vigo», remarcou o candidato nacionalista, que avanzou que a súa formación «seguirá sendo oposición sen representación».
«A característica do BNG era o traballo na rúa, no movemento veciñal e seguiremos facendo ese traballo», indicou para engadir que «o nacionalismo dende logo seguirá vivo na cidade de Vigo». Para concluir, Otero, que destacou a experiencia que viviu como candidato, remarcou que seguirá traballando no BNG e coa militancia «porque temos moito camiño por facer».