A formación nacionalista denunciara esta publicidade perante a Xunta Electoral de Zona, que nun primeiro momento resolveu non estimala alegando que o Concello non financiara nin contratara directamente o referido anuncio, malia que si figuraba expresamente o logotipo oficial da institución municipal. Con todo, a Xunta Electoral Provincial, a instancias dun recurso promovido polo BNG, revisou esa decisión na tarde deste xoves.
Os xuíces entenden que esa publicidade incumpre o previsto expresamente no artigo 50.2 da LOREG, no que se recolle que “desde a convocatoria das eleccións e ata a súa celebración, queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións aos logros ou realizacións obtidos, ou que empregue imaxes ou expresións coincidentes ou semellante ás utilizadas nas súas propias campañas por calquera das entidades políticas que concorren ás eleccións”.
O cambio de criterio débese a que “o feito de que o espazo informativo non fora contratado especifica e directamente polo Concello non evita a vulneración da normativa electoral”. “Resúltanos patente que a financiación é indirecta”, esgrime a Xunta Electoral.
O acordo da XEP inclúe tamén o requirimento expreso ao Concello de Vigo para que se absteña de volver incorrer nestas prácticas contrarias á lei advertindo da posíbel incoación dun expediente sancionador. «Acordamos requirir ao Concello de Vigo a fin de que no sucesivo se absteña de realizar actuacións similares, e en particular a utilización de convenios de colaboración e outros actos ou instrumentos de financiamento, directo ou indirecto, para realizar publicidade de ningunha das candidaturas concorrentes ao proceso electoral, e todo iso coa advertencia de que, en caso contrario, incoarase expediente sancionador, de conformidade co estabelecido no artigo 153.1 da LOREG», conclúe a resolución.
Esta é a primeira vez que a Xunta Electoral Provincial apercibe a Caballero, pero anteriormente a Xunta Electoral de Zona xa apercibiu en cinco ocasións diferentes ao candidato do PSOE á Alcaldía.
“Dopaxe publicitaria”
Coñecida a resolución da XEP estimando a denuncia presentada polo BNG, o seu candidato á alcaldía Xabier P. Igrexas, denunciou “o intento do PSOE vigués de acudir ás eleccións municipais nunha clara situación de dopaxe publicitaria, incumprindo a legalidade e utilizando recursos públicos de todos e todas as viguesas para financiar a súa propaganda electoral”, algo que xulgou como “intolerábel e antidemocrático”.
Ademais, Igrexas lamentou que toda a política deportiva da que se pode gabar o actual goberno municipal sexa un “patético álbum fotográfico de culto á personalidade de Abel Caballero”. “O deporte vigués é moito máis que iso a pesar da nefasta política deportiva do Concello de Vigo”, retrucou o candidato nacionalista.
Resolución da Xunta Electoral Provincial contra Abel Caballero