No documento de primarias, establécense tamén os prazos de peche de censo así como o da presentación de candidaturas e os requisitos das persoas que queiran candidatarse para cabeza de lista, que deberán asumir o programa e o manifesto da Marea de Vigo, así como ser avaladas por dez persoas dos grupos de traballo do partido.
Para todo o proceso, que rematará na vindeira primavera, a formación constituíu varios grupos de traballo, encargados de todas as tarefas relacionadas co desenvolvemento do mesmo, á marxe dos grupos que veñen funcionando nos últimos anos, relativos a diferentes áreas de traballo político.
Rubén Pérez, Marga López Barreiro e Xosé Lois Jácome, concelleiros do grupo municipal da Marea de Vigo, participaron activamente no debate da asemblea e presentaron un resumo da actividade política municipal dos últimos meses.