Na súa proposta para unha xestión municipal mais participativa, Marea de Vigo defende un modelo de cidade descentralizada, que teña en conta os problemas e necesidades específicos de cada núcleo de poboación. Pérez subliñou que ata o de agora a actuación das asociacións veciñais está moi condicionada pola existencia dunha maioría absoluta “que permite que as visóns críticas podan ser castigadas”.
Pérez destacou a necesidade de que Marea de Vigo continúe no Concello cunha representación reforzada, porque é necesario que alguén poña o contrapunto progresista en defensa das persoas, e evite unha política de “barra libre” para todo.
Para a candidata número dous da Marea de Vigo, Oriana Méndez, “a creación de Xuntas de Distrito e de Parroquias é unha reivindicación histórica das esquerdas na cidade de Vigo, porque se trata dunha ferramenta da cidadanía para construír un Concello democrático e participativo no que a veciñanza das parroquias tome decisións por si mesma e non mediante a intermediación de asociacións partidarias”.
Así, a formación propón a creación dunha figura administrativa municipal en cada unha das zonas que comparten necesidades específicas. As Xuntas de Distrito permitirían unha planificación concertada e coordinada que evite que se sigan a producir diferencias de atención e afonden nas desigualdades.
Hai aspectos da xestión municipal no que esta coordinación é especialmente importante, como é o transporte público de Vitrasa. As persoas encargadas de tomar as decisión deben coñecer dun xeito directo e obxectivo as necesidades de cada barrio e parroquia para unha planificación das rutas ao servizo da cidadanía, e non ao servizo da estratexia económica dunha compañía privada.
Participación no PXOM
Na mesma liña de buscar que a cidadanía participe das decisións políticas, o BNG anunciou que promoverá a elaboración participativa dun novo PXOM para “poñer o urbanismo ao servizo das persoas”.
O candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, comprométese a levar a elaboración do novo Plan “a pé de rúa” contando coa participación directa das veciñas e veciños, para lograr que sexa un “PXOM de toda a cidade, co máximo consenso político e social”.
A fronte nacionalista aposta nun deseño urbano racional adecuando a edificabilidade ás necesidades reais, sustentábel, reconciliando a cidade co seu medio natural, e que atenda á totalidade do territorio e permita vertebrar mellor a cidade entendendo que a cidade tamén son os barrios e as parroquias. “Queremos un urbanismo ao servizo da cidade e das persoas, non da especulación”, resume Igrexas.
O BNG rematou a rolda de encontros cos principais sindicatos da cidade para trasladarlles as propostas recollidas no programa electoral en materia de emprego, reordenación urbanística ou políticas sociais. O último deles, mantido coa executiva comarcal UXT, puxo de manifesto as problemáticas de sectores como o industrial ou o tecido comercial da cidade e a destrución de postos de traballo dos últimos catro anos na cidade.
No encontro coa executiva comarcal da UXT o BNG puxo sobre a mesa cales son as propostas da fronte nacionalista para atender o principal problema da cidade como é a situación de desemprego, a falta de oportunidades ou precariedade laboral: “Pero tamén quixemos compartir coa UXT a preocupación do BNG diante da parálise que se produce entorno ao planeamento urbanístico”, expuxo Igrexas. “Temos un compromiso firme con que Vigo ten que contar cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Non podemos ter unha cidade que estea rexida por un plan do ano 93 que xa daquela non respondía ás necesidades dunha grande urbe como Vigo”, recordou
Para o candidato da fronte nacionalista a ordenación provisional que se está a intentar aprobar non só non é unha solución senón que é unha trampa porque hoxe na cidade non se sabe o que se pode facer nin onde e iso impide o desenvolvemento da cidade e que haxa investimentos para facer avanzar o conxunto do noso territorio: “Estamos moi preocupados pola evidente falta de vontade política por parte do goberno municipal do goberno socialista” denunciou.
Para Xabier P. Igrexas Vigo ten que dotarse dun plan que permita sentar as bases dunha planificación a medio prazo racionalizando as proxeccións de edificabildiade após o estourido da burbulla inmobiliaria. “En Vigo hai 18.500 vivendas baleiras, é evidente que estamos nun momento no que non precisamos construír outras 40.000 como se recolle en anteriores plans. O que hai que facer é facilitar o acceso social á esa vivenda, apostando pola vivenda protexida e social”, avisa. E insiste en que temos que adecuar o planeamento ás necesidades da cidade: “Queremos un urbanismo ao servizo das persoas, non da especulación”.