“Nós concibimos a cidade non só como un espazo senón como unha comunidade humana. E na cidade o que facemos fundamentalmente é movernos, por iso no noso programa electoral, que presentaremos proximamente, vai haber unha aposta estratéxica por mellorar radicalmente o transporte colectivo, como pedra de toque dunha mobilidade máis sostíbel e humana para revolucionar a cidade para mellor”, explicou.
O candidato demanda un servizo de autobús mellor lembrando que é o máis caro de toda Galicia e o terceiro do estado español, só superado por cidades como Madrid e Barcelona: “Nos últimos doce anos, non se ten feito unha aposta real por parte do Concello de mellorar o servizo”, criticou. Esta mellora pasa para Igrexas por aumentar as frecuencias insuficientes en toda a cidade pero especialmente nos barrios periféricos e nas parroquias.
Para iso a fronte nacionalista entende que é necesario aumentar o número de autobuses e o persoal, que é o mesmo desde 1995, e volver a poñer en marcha os carrís bus. “Hai que garantir que os autobuses que pasan por rúas con alta conxestión de tráfico teñan preferencia semafórica”, propón tamén o candidato.
Outra das cuestións a mellorar é o tempo dos traxectos. “Non se pode chamar circular a un autobús que ten de cabeza a cabeza un percorrido de máis de 50 minutos, iso é un autobús turístico. Hai que reducir eses tempos sobre todo para garantir transbordos áxiles e reducir o tempo de desprazamento”, reclama Igrexas.
Tamén ve necesario que haxa unha revisión a fondo do mapa de liñas da cidade xa que temos un servizo definido no fundamental polas condicións de hai 25 anos. No concreto, demanda unha mellor cobertura da “totalidade do territorio e non só das áreas máis céntricas do casco urbano” e despregar conexións directas, a través de lanzadeiras, con infraestruturas básicas como o hospital Álvaro Cunqueiro, o campus universitario, as dúas estacións de tren e mais o aeroporto de Peinador.
“Congratulámonos de que Abel Caballero descubrira agora que o hospital non está no centro pero preocúpanos que o único que se queira facer sexa aumentar os percorridos dalgunhas liñas cando entendemos que o que hai que despregar son máis liñas de lanzadeira”, remacha Igrexas. E recorda que barrios como Navia non contan con conexión co complexo hospitalario.
O mesmo pasa coas estacións de tren ou co aeroporto: “Vivimos nunha cidade anómala que ten dúas estacións de ferrocarril onde non hai un bus directo que conecte ambas e temos un aeroporto que non ten liña de autobús, temos unha liña que para no aeroporto, que é algo moi diferente”. A este respecto acrecentou que aínda que aumentou o uso do 9A, a única liña con parada en Peinador, só o utilizan 1 de cada 10 viaxeiros que baixan do aeroporto á cidade segundo datos do propio Concello.
Unha aposta decidida
“A diario entran en Vigo arredor de 85.000 vehículos, nunha cidade que xa ten preto de 200 mil vehículos rexistrados. Pero para reducir a conxestión e retirar coches para podermos avanzar tamén na democratización do espazo público con novas peonalizacións é imprescindíbel que o autobús sexa unha alternativa rápida e cómoda”, explicou Igrexas, engadindo que “o que non se pode facer é achicar o espazo para circular e retirar aparcamento sen dar unha solución de mobilidade efectiva”.
Nese sentido Xabier P. Igrexas anuncia que unha das principais propostas que vai levar o BNG no programa electoral para as vindeiras eleccións municipais é precisamente a relacionada con garantir un transporte urbano de calidade e accesible a todos os vigueses e as viguesas.
Nova concesión
En relación ao prego para a nova concesión do servizo de autobús urbano, xa que a vixente conclúe en 2020, o candidato nacionalista chamou a aproveitar a súa redacción como unha oportunidade para poñer en marcha un transporte do século XXI en Vigo.
Aliás, Igrexas reclamou que o proceso de elaboración do novo prego sexa “transparente e participativo” para o que propuxo que nel tome parte o Consello Sectorial de Transportes do Concello, no que están representados todos os axentes implicados (sindicatos, concesionaria, cooperativas do Taxi e movemento veciñal). “O que non pode ser é que o Goberno municipal leve seis meses sen recibir o Comité de Empresa de Vitrasa e que nin tan sequera lle teña facilitado información sobre o que se quere facer”, reprochou.
O BNG trasladoulle ao Comité de Empresa o seu pleno apoio na exixencia de que o novo prego “asegure de maneira efectiva e sen ningunha marxe de dúbida a subrogación da totalidade do cadro de persoal no caso de que outra empresa privada, ou unha municipal, asuma o servizo a partir de 2020”.