“Queremos facilitar o uso do autobús á poboación infantil da cidade como maneira de estimular unha mobilidade que reduza o uso de vehículo privado. Non ten sentido seguir facendo pagar a menores que na súa maioría viaxan xa acompañados por adultos e adultas que xa pagan billete”, explicou o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
Equiparación do bono estudante co universitario
Por outra parte, a fronte nacionalista volveu reiterar a demanda de equiparar a tarifa que se aplica no bono estudante coa do bono universitario. Na actualidade, o estudantado non universitario, é dicir o que cursa primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional, ten que aboar 86 céntimos de euro por viaxe, só 3 céntimos menos que o bono normal. Coa equiparación pasarían a unha tarifa de 69 céntimos por viaxe.
Igrexas inseriu estas medidas como parte do “plan do BNG para revolucionar o transporte público da cidade” cuxas liñas mestras presentarán proximamente. “Vigo merece un servizo de autobús de calidade, con mellores frecuencias, a revisión do mapa de liñas, a redución dos tempos de viaxe e novos beneficios para as persoas usuarias habituais”, anticipou.