O cabeza de lista da fronte nacionalita volveu manifestar a súa enorme preocupación dun “modelo fracasado no que insiste o Partido Socialista e que deixa a cidade sen bombeiros”. Así llo a Miguel Ucles e Fernando Solveira, da sección sindical da CIG, cos que se reuniu esta mañá. “Vigo non se pode seguir permitindo ter un parque de bombeiros que está á altura dunha cidade de 100.00 habitantes, necesitamos un parque que estea a altura das necesidades dunha cidade de 300.000 e iso pasa en primeiro lugar, por garantir de maneira efectiva que como mínimo haxa 150 efectivos”, remacha Pérez Igrexas. Na actualidade o persoal é de só 110, cun 20% en situación de baixa e a metade maiores de 50 anos.
Ante a “inacción e a xestión nefasta” por parte do goberno municipal, o candidato nacionalista esixe acabar coa situación de parálise e urxe a convocatoria inmediata das ofertas de emprego público do ano 17, 18 e 19 para aprovisionar canto antes do número de bombeiros necesarios para a cidade: “Estamos moi preocupados pola actual situación, ás portas do verán, sen que haxa marxe temporal para convocar e realizar estas OPES en menos de dous ou tres meses porque non vemos vontade política para facelo. Imos enfrontar o verán cunha verdadeira situación colapso no servizo de bombeiros da cidade”, insiste preocupado sen esquecer a vaga de lumes que asolagou Vigo no 2017 e colapsou o servizo.
Decretazo
Igrexas criticou que a única decisión que foi capaz de tomar o actual goberno municipal foi a decretar a obrigatoriedade das horas extras para atender o servizo, que “é tanto como decretar a sobrecarga de traballo e poñer mesmo en risco a seguridade dos bombeiros e da súa capacidade operativa. Pero tamén a seguridade das viguesas e os vigueses”, engadiu.
Amósase preocupado de ver que a única política que aplicou “o que se di un goberno socialista e dende un departamento de persoal que dirixe un ex sindicalista, foi a de obrigar a esas horas extras levando ao cadro de persoal a unha situación límite”, dixo Igrexas.
Para o candidato á Alcaldía o decreto é expresión dun modelo fracasado porque non logrou garantir o mínimo de 20 bombeiros que teñen que estar despregados a nivel operativo na cidade. “Non houbo efectividade nese sentido e o único que se está xerando é unha situación de sobrecarga, de cansanzo e de mazar nun colectivo laboral que desenvolve un traballo duro e penoso e cunha forte exposición tóxica que esixe dunhas condicións físicas e dun mínimo nivel de descanso que a día de hoxe non existe”, denunciou.
“O que lle trasladamos ao colectivo de bombeiros é máis unha vez, o noso total apoio e o noso compromiso de que un BNG determinante e decisivo no pleno da Corporación a partir deste domingo vai facer que se atenda de maneira urxente dotar dos medios necesarios ao corpo de bombeiros desta cidade”, recalcou Xabier P. Igrexas.