A candidatura, encabezada por Xabier P.Igrexas, conta cunha ampla representación dos diversos eidos culturais, sociais, sindicais, feministas ou da defensa dos servizos públicos: “Presentamos unha candidatura representativa do que o Bloque quere construír, con xente dos diferentes movementos sociais do tecido cultural e do traballo, con mulleres feministas e con mocidade como parte da proposta”, remachou o candidato da fronte nacionalista.
A candidatura conta ademais con “persoas independentes que demostran que o BNG está nun proceso de recuperación de apoio, de portas abertas e que acredita que Vigo precisa un novo impulso” e para mostra disto, a lista conta con Maica Rivas como número dous, independente e vinculada ao ensino.
“O que temos aquí hoxe é unha equipa capaz, plural e diversa que o que busca é que o BNG volva ser unha forza determinante”, enfatizou o candidato nacionalista.
Pero non so iso. Para Xabier P.Igrexas tan importante é presentar unha equipa potente e capaz como o é o feito de abrir as portas a todo aquel que queira sumar “para facer de Vigo unha cidade para o pobo onde os problemas das persoas sexan o primeiro”, apuntalou, “unha cidade de iguais cun compromiso radicalmente feminista cun proxecto de transformación que só o BNG pode liderar”.
No acto de presentación quixo estar tamén Ana Pontón, portavoz nacional, arroupando un proxecto que cre determinante para Vigo e co que o BNG busca recuperar o seu papel no Concello. Pontón destacou que o candidato que propón o Bloque para Vigo é unha persoa nova cunha equipa que leva anos traballando por un Vigo mellor: “ Vigo precisa un proxecto que vaia máis alá das luces e dos decorados, que aposte pola innovación e por mellorar a calidade da xente. E recordou que a pegada do BNG está aí para ver e segue patente na memoria da xente: “Estamos vendo que hai unha corrente de simpatía cara a nosa organización e que queremos traducir en apoio electoral”, e recordou que as xerais son tamén unha boa oportunidade para que o rumbo do país cambie e Galiza volva ser escoitada.