“Estas eleccións van reflectir a pluralidade e diversidade dunha cidade que é máis plural e diversa do que se demostrou nos últimos catro anos”, declarou Igrexas tras depositar o seu sufraxio nun día que cualificou de “clave”.
O número 1 da lista do BNG vigués tivo unha mención especial para os dez mil novos electores que exercen o seu dereito por primeira vez, que contribuirán a dar “un novo impulso á cidade” e lembrou que “agora que as urnas están abertas, nada está escrito”.
Igrexas, ao igual que o resto de aspirantes á Alcaldía, dedicará a xornada a percorrer os colexios electorais para “saudar á nosa militancia e aos nosos apoderados, que son o mellor da organización”.