En concreto, Labora 2020 está dirixido a persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos, persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas e comunidades marxinadas, outros colectivos desfavorecidos (nos que se inclúen, entre outras, vítimas de violencia de xénero ou de discriminación por orixe racial, orientación sexual e identidade de xénero, persoas con problemas de adicción, persoas sen fogar, solicitantes de asilo) e persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais.
Trala publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases que rexerán a selección das persoas participantes, as e os interesados xa poden preinscribirse a través do formulario que atoparán na web da Deputación, na páxina dedicada a este plan (https://www.depo.gal/labora-2020). O prazo para facelo estará aberto ata o inicio das primeiras accións formativas, que está previsto que comecen en novembro. Nesta primeira fase, o proxecto beneficiará a un total de 420 persoas de toda a provincia e desenvolverase en doce concellos: Vigo, Cangas, Tomiño, O Porriño, Ponteareas, Soutomaior, Barro, Lalín, Cambados, O Grove, Pontevedra e Vilagarcía.
A finalidade do Labora 2020 é a realización de actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados e personalizados para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas participantes, respondendo así mesmo ás necesidades locais xeradoras de emprego nos sectores con maiores oportunidades de crecemento e creación de traballo.
No que atinxe a esta primeira fase do proxecto, desenvolveranse sete dos once itinerarios previstos, cun total de 28 accións formativas, centradas en actividades auxiliares de almacén, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil, socorrismo en instalacións acuáticas, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, operacións básicas de restaurante bar e competencias clave para a obtención do nivel 2 (lingua galega, lingua castelá e matemáticas).
Amais de estaren desempregadas, as persoas que poden optar a este programa deben estar empadroadas nalgún dos concellos da provincia, non estar incapacitadas para o desenvolvemento da actividade e acreditar o cumprimento do nivel académico necesario para o acceso ao certificado de profesionalidade de elección, que se poden consultar nas bases publicadas o pasado 1 de outubro no BOPPO.
O proxecto Labora 2020 ten un orzamento total de 4,8 millóns de euros e conta cunha financiación do Fondo Social Europeo 2014-2020 de 3,8 millóns. En total, está previsto que ata finais do ano 2021, en que se desenvolverán estas accións formativas, se beneficien desta iniciativa ata 855 persoas da provincia, das cales o 53,33% serán mulleres (456) e o 46,67% homes (399).
Estas 855 persoas poderán participar nalgún dos once itinerarios centrados na formación profesional para o emprego, que inclúen, amais dos anteriormente citados, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, atención sociosanitaria a persoas no domicilio e xestión de chamadas de teleasistencia. Amais, o proxecto tamén inclúe dez xornadas informativas de activación e intercambio de experiencias e boas prácticas e accións específicas en igualdade e non discriminación, así como en desenvolvemento sustentable.