Dende entón, nela xa participaron máis de 1300 alumnos, unha boa acollida que agardan volva repetirse nesta ocasión. A cita será nesta ocasión do 2 ao 6 de outubro no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, lugar elixido para impartir o curso básico de Marketing Dixital.
“A economía dixital está transformando o mercado laboral e as competencias dixitais cobran cada vez máis valor nos procesos de selección das empresas, por iso é fundamental apostar por este tipo de formación”, explica nun comunicado da empresa Francisco Ruiz Antón, director de Políticas Públicas e Asuntos co Goberno de Google España e Portugal.
Con carácter presencial e 40 horas de duración (de 09.00 a 18.00 horas), o curso busca que as persoas matriculadas adquiran os coñecementos e as ferramentas básicas da contorna dixital, incluíndo as coñecidas SEO (Search Engine Optimization) e SEM (Search Engine Marketing), todo un conxunto de ferramentas, técnicas e estratexias que axudan a optimizar a visibilidade de sitios e páxinas web a través dos motores de busca.
A maiores afondarase tamén en diferentes cuestións relacionadas coa analítica web, comercio electrónico, redes sociais, dispositivos móbiles ou emprendemento e busca de emprego no sector dixital.
As persoas interesadas en matricularse poden inscribirse ata esgotar as prazas dispoñibles a través da web da plataforma ‘Actívate’. Na anterior edición, celebrada en abril de 2016 na mesma escola, participaron no curso preto de 200 persoas, sobre todo mozas e mozos recen titulados con interese laboral no sector dixital.
Un programa no que colaboran 28 universidades de toda España
Ademais deste curso básico de marketing dixital, o programa Actívate, no que participan 28 universidades de toda España, inclúe diferente actividades formativas, tanto de carácter presencial como en liña con cursos sobre comercio electrónico, cloud computing, desenvolvemento app e web, formación en emprendemento, etc.
“Son máis de 34.000 as persoas que conseguiron un emprego ou unhas prácticas, tras pasar por Actívate, xa sexa por conta allea ou lanzando o seu propio negocio. Así mesmo, máis de 222.000 persoas que se formaron en competencias dixitais no noso país grazas a esta iniciativa”, explicaron desde Google.