Os tres partidos que forman a oposición política na Corporación Municipal de Vigo pediron este xoves ao Goberno de Abel Caballero que achegue información e as explicacións oportunas sobre o estado concreto do edificio que caeu na rúa República Arxentina. Do mesmo xeito, PP, Marea de Vigo e BNG solicitaron a aplicación de medidas urxentes para que isto non volva acontecer.
Dous dos concelleiros do grupo municipal do Partido Popular, Alfonso Marnotes e Jesús Marco González, acudiron ata o lugar para “interesarse” polo estado dos veciños e para “agradecer” o traballo dos servizos de emerxencias. “Non foi un caso fortuíto. Sabemos que en Vigo hai varios edificios neste estado ruinoso, mentres o alcalde mira cara outro lado. Aquí, se o ximnasio chega a estar aberto, tería sido unha grande traxedia. Exiximos responsabilidades a Abel Caballero porque neste inmoble non había medidas de seguridade. O Concello ten que obrigar ao propietario a que se faga cargo da seguridade e se non o fai, entón é o Concello quen debe responsabilizarse para que non ocorra o que hoxe sucedeu”, sinalou o voceiro, Alfonso Marnotes. O PP tamén botou en cara ao Goberno local que “ningún dos 20 concelleiros” se achegara á zona.
Pola súa banda, Marea de Vigo fixo un “chamamento” para a “inmediata posta en marcha da Ordenanza Municipal de Expropiación Forzosa e Rexistro de Soares”. O portavoz, Rubén Pérez, lembrou que “afortunadamente o episodio de hoxe quedou nun incidente con soamente custos económicos, pero pódese reproducir en moitos dos edificios da cidade que están nesta situación”. “É preciso incorporar todas e cada unha das vivendas que teñan unha consideración urbanística como ruína ao rexistro e, se en dous anos non se resolve, o Concello debe expropiar con carácter urxente ese inmoble”, defendeu.
A formación apuntou que en Vigo hai “ducias de edificios” que precisan dunha “obrigada” rehabilitación pero “só algúns deles” constan no rexistro creado no Concello. “Multitude de inmobles en ruínas provocan sistematicamente denuncias da veciñanza e en moitas ocasións xerando ademais situacións de perigo xa que son utilizadas por persoas sen teito para gorecerse no inverno”, indican.
Por último, o BNG anunciou que solicitará “con carácter inmediato” o acceso “íntegro” ao expediente municipal referido a ese inmóbel e demandará que no vindeiro Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo se informe en detalle deste derrubamento e das denuncias previas, que segundo testemuñas da veciñanza, se terían formalizado alertando dos riscos.
“Consideramos moi preocupante que este tipo de sucesos poidan producirse, o que provoca dúbidas razoábeis a respecto da actuación da Concellaría de Urbanismo na supervisión de inmóbeis, que como é o caso, presentaban importantes danos e foron tapiados hai varios anos por motivos de seguridade”, indica a fronte nacionalista, que tamén pide dar prioridade a instrumentos como a Ordenanza Municipal de Expropiación Forzosa e Rexistro de Soares.