A Policía Local de Vigo denunciou este mércores a 38 persoas dentro do seu traballo diario para velar polo cumprimento das normas do estado de alarma. Entre as intervencións realizadas, Abel Caballero salientou a actuación nun bar da Avenida Atlántida, en Alcabre, que estaba aberto e con dúas persoas no seu interior. Ademais, os axentes actuaron ao detectar tres mozos reunidos dentro dun portal, comportamento que, na actual situación, “está terminantemente prohibido”.
A Policía Local tamén verificou este mércores os precintos das fontes e ordenou as colas nun supermercado de Rosalía de Castro. Do mesmo xeito, o corpo municipal intensificou os controis a vehículos ata superar o millar (1.074 concretamente). É un “número moi elevado” de inspeccións, subliñou Caballero, quen reiterou que “imos seguir advertindo á cidadanía da importancia do confinamento” contra a propagación do Covid-19.
Ao longo deste mércores, os efectivos de seguridade realizaron ademais 32 advertencias verbais e identificaron a 160 peóns. Desde o 16 de marzo xa foron denunciadas 579 persoas.