A Central Intersindical Galega (CIG) denunciou este venres o falecemento dun doente mentres era trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha ambulancia sen asistencia sanitaria, que fora enviada polo 061. Dende a central sindical esíxenlle ao Sergas que deixe de reforzar o servizo de emerxencias con vehículos “en precario” e anuncian que solicitarán “as pertinentes explicacións sobre o acontecido”.
Segundo explican na FGAMT-CIG, o suceso tivo lugar este xoves entre as 13:00 e as 14:00 horas cando unha persoa duns 50 anos que viaxaba no interior dunha ambulancia acompañada por un familiar sufriu unha indisposición e non se lle puideron realizar as necesarias tarefas de soporte vital nin se contaba co material necesario para facelas. O vehículo, pertencente á empresa Coexam, é de tipo A e non está adaptado para poder prestar asistencia sanitaria, ademais de contar unicamente cun condutor.
En consecuencia, o doente ingresou xa falecido nas urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. Segundo relata a CIG, a chegada deste vehículo cun só condutor e cunha persoa morta no interior causou “un gran balbordo” entre o persoal de ambulancias que se atopaba no exterior do centro médico, así como no servizo de Urxencias.
Dende a FGAMT-CIG lembran que levan tempo reclamando a necesidade de reforzar o servizo de ambulancias en Vigo e na súa área con vehículos da propia rede do 061 para garantir que sexan de tipo B, que son os que están adaptados para poder prestar asistencia sanitaria e nos que viaxan dous profesionais co título de técnico. “Pero este verán, debido ao aumento do número de emerxencias, o 061 reforzou o servizo en precario botando man de novo da empresa Colectivo Extremeño de Ambulancias (Coexam); fíxoo sen licitación e sen aumentar a rede propia”, sinalan.
Ante o elevado número de servizos derivados polo 061, a empresa opera con até catro ambulancias, pero tres delas son de tipo A, polo que non están preparadas para prestar asistencia sanitaria. E noutras ocasións usan de tipo B, pero cun só condutor, “algo totalmente ilegal segundo a normativa de transporte sanitario” de Galicia. Ademais, a CIG asegura que Coexam “non conta con instalacións axeitadas en Vigo” para realizar as labores de limpeza e desinfección dos vehículos, até o punto de que o persoal “ten que agardar en parques forestais mentres non é activado”.