O grupo municipal da Marea de Vigo denunciou este martes a “falla de control” na adquisición da roupa de traballo do corpo de bombeiros, logo que un traballador do servizo resultase ferido no incendio acontecido esta fin de semana na rúa Sanjurjo Badía.
A formación pediu este o parte de intervención do suceso e esixiu unha reformulación do sistema de compras dos EPIs dos bombeiros así como unha investigación sobre as calidades dos traxes de extinción actuais.
Marea de Vigo lembra que existía unha comisión de bombeiros para avaliar compras na que, de xeito voluntario, participaban varios bombeiros para testar e emitir valoración sobre os materiais Ante os sucesivos “desplantes” sufridos, dimitiron e agora non existe ente no servizo que avalíe e controle as compras de materiais para o corpo.
“O procedemento de proba, compra e avaliación de EPIS por parte do Concello de Vigo segue a ser absolutamente deficiente, tal e como reiteradamente teñen denunciado as dotacións cando saen a servizos”, explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal. Neste sentido, sosteñen que a calidade dos materiais segue sen ser testada de xeito independente e as medidas da roupa son estándar cando o contrato esixe que sexan confeccionadas á medida dos traballadores.
A propia comisión de compras existente no servizo de bombeiros tiña realizado unha avaliación de mostras de diferentes EPIs con enquisas voluntarias e anónimas entre os bombeiros para ver que traxes eran os máis considerados en canto a seguridade, comodidade e transpirabilidade. “Curiosamente, as dúas empresas máis valoradas foron excluídas finalmente da licitación. Mesmo o EPI finalmente adquirido non tivera ningunha valoración positiva por parte dos bombeiros que participaron na enquisa”, sinala Pérez.
Para Marea de Vigo, “os casos de queimaduras e degradación de traxes, guantes e outros EPIs fundamentais no servizo de extinción son demasiado frecuentes”. “En 2017 tres bombeiros sufriron queimaduras e, pese a este feito, seguen a mercarse os mesmos produtos da mesma empresa, adxudicataria no seu día unicamente baixo criterios económicos á baixa, fronte a criterios técnicos ou mesmo fronte á valoración técnica e testeos previos da comisión de compras”, expón a formación.