Unha manifestación de traballadores do sector naval percorreu as rúas de Vigo este martes pola mañá en sinal de loito pola morte dun traballador da industria auxiliar, que faleceu este luns no porto ao caerlle enriba unha porta pesada no barco no que está a facer labores de mantemento. O persoal, convocado polos sindicatos CIG, CCOO e UGT, detivo a súa actividade para esixir maiores medidas de seguridade nos seus empregos.
A mobilización partiu ás 08.00 horas desde as instalación dos estaleiros Metalships e Freire e pasou por Armón e Barreras para que os seus operarios se sumaran á marcha. Unha vez reunidos todos, foron avanzando ata o edificio administrativo da Xunta de Galicia, situado na rúa Concepción Arenal. Alí reclamaron maiores medidas de seguridade e retomar as mesas do naval.
Os convocantes aseguran que as empresas e a Xunta de Galicia “foron baixando a garda” coa seguridade progresivamente. Ademais, solicitan á Inspección de Traballo un maior control das “auxiliares piratas” que “rebrotaron” no sector con modelos de “baixo custo”.
“O sector volve berrar ‘Xa abonda’. É necesario un cambio de rumbo, no só nas mentalidades empresariais, senón nas políticas de sector, con modelos de negocio abocados ao fracaso e sen rumbo fixo”, piden.