Un acordo entre acusación e defensa a proposta da Fiscalía permitiu a absolución de 10 dos 13 extraballadores da cafetería do hospital Meixoeiro de Vigo aos que o propietario da empresa concesionaria lles solicitaba ata catro anos de prisión e multas de preto de 800.000 euros por danos e coaccións, segundo informou a Central Intersindical Galega (CIG). Delegados da plataforma concentráronse ás portas do xulgado en solidariedade cos acusados coincidindo coa celebración do xuízo.
Dende a CIG-Servizos salientan que deste xeito das 13 persoas acusadas unicamente tres foron condenadas a multas. «Non hai que esquecer que o propietario da empresa concesionaria, Oh Vigo, lles pedía nun primeiro momento até seis anos de prisión, aínda que no escrito final rebaixouse até os catro anos».
Dúas das persoas condenadas son afiliadas da CIG -unha era o delegado de persoal- e a outra da UGT. As da CIG foron condenadas por un delito de coaccións a unha multa de 540 euros cada unha delas e a dous delitos de danos que nun caso suman 305 euros e no outro 1.080 euros.
Coincidindo coa primeira das tres sesións previstas do xuízo, delegados da central concentráronse ás portas dos xulgados en solidariedade cos afectados, onde despregaron unha faixa co lema «Stop represión do sindicalismo nacionalista». Obviamente, tras o acordo alcanzado este luns xa non se celebrarán as dúas sesións restantes, previstas para martes e mércores. Tamén fican suspendidas as mobilizacións convocadas pola CIG para esas dúas xornadas.