Non houbo discriminación por racismo no caso denunciado nos últimos días nas redes sociais, no que se daba a coñecer un posible trato diferencial por parte dun condutor de Vitrasa que teoricamente non permitira á entrada ao autocar a unha muller negra con carro de bebé -por estar o interior ateigado de xente- e pouco despois si a unha muller branca nas mesmas circunstancias.
Así o conclúe a empresa concesionaria de transporte público de Vigo, que xa anunciara unha investigación dos feitos. A compañía quixo contrastar a denuncia difundida a tarde do pasado 4 de xaneiro na liña C1 e determina que “non se aprecia a existencia de trato discriminatorio”.
“Tras abrir o oportuno expediente de investigación interno no que se visionaron as imaxes da cámara instalada a bordo do autobús durante o día dos feitos, e falar persoalmente co condutor, se confirma que a usuaria non accedeu de forma voluntaria ao interior por motivos de aforo, ademais de estar ocupada a situado para carros de bebé. A usuaria, despois de compartir co condutor a súa impresión da alta ocupación do autobús, comunícalle a este que preferían subir a outro autobús que estaba chegando á parada xusto nese momento”, explica Vitrasa.
Ademais, a empresa precisa que, dúas paradas despois, a segunda muller sobe ao autobús con carro de bebé de xeito voluntario a pesar da alta ocupación e “despois de que en ditas paradas subiran e descenderan numerosos viaxeiros”.
O condutor, con moitos anos de experiencia, está “moi afectado polas informacións que están a circular” e, segundo recolle a concesionaria nun comunicado, o traballador “asegura que nunha cidade como Vigo a convivencia e a diversidade están máis que presentes no bo desenvolvemento da súa actividade”.
A compañía reiterou este xoves que está “totalmente en contra” de calquera tipo de discriminación e mostrouse “especialmente sensible a estes temas, algo que traslada á toda a súa estrutura organizativa”.