Así o manifestou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, que xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, e o subdirector xeral de Medio Ambiente, Carlos Calzadilla, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para reiterarlle ao Concello que solicite canto antes o informe ambiental para que o Goberno galego o poida tramitar coa máxima axilidade.
Heriberto García subliñou que a nova tramitación ambiental non vai supoñer ningún retraso no desenvolvemento do polígono, sempre que o Concello tramite con dilixencia a modificación do plan parcial e non poña trabas á mesma. Neste sentido, precisou que a necesidade do Informe Ambiental Estratéxico vén determinada polas esixencias da Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental e mediante a ‘tramitación simplificada’ o prazo medio é de tres meses, fixándose un máximo de catro.
López Chaves indicou que a realización deste trámite é unha obrigación legal que cómpre respetar para acadar a seguridade xurídica neste Plan. Engadiu que o Concello de Vigo dispón do documento ambiental dende hai máis dun mes e a Xunta non o recibiu para poder iniciar a tramitación.
O director xeral do IGVS destacou que se continúa coa oferta pública de adquisición de solo publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 30 de xuño e mantense a previsión de iniciar as obras de urbanización da ampliación do solo residencial de San Paio de Navia en 2017 para que o mesmo estea a disposición dos promotores a finais de 2018.
O Goberno galego trasládalle ao Concello de Vigo a súa total colaboración para avanzar neste proxecto estratéxico para a cidade olívica, especialmente pola caída do PXOM, que impide novos desenvolvementos urbanísticos para atender a demanda de vivenda protexida na zona. Para o executivo autonómico é prioritario o rápido desenvolvemento do solo residencial de San Paio de Navia para dotar á cidade do solo necesario para a construción de vivenda protexida.