Durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia para a elaboración desta guía, Feijóo precisou que o documento partirá dun traballo previo, que identifique as fachadas máis habituais en cada unha das 12 zonas paisaxísticas que recolle o Catálogo das paisaxes e procurará atopar analoxías coa arquitectura popular destas áreas.
“Para facer un proxecto deste calibre contamos coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da sociedade galega: organizamos 20 talleres e 9 visitas a centros e asociacións, contamos coa colaboración de 400 axentes vinculados á arquitectura e o paisaxismo e coas achegas dun centenar de asociacións, ademais de recoller as suxestións de case 600 usuarios a través da internet”, precisou. Isto permitiu identificar máis de 2.000 lugares de interese paisaxístico.
O titular da Xunta explicou que o COAG escollerá nun concurso os seis equipos que van deseñar a guía, cada un deles encargado de dúas áreas paisaxísticas. Estes expertos terán en conta as achegas recibidas no proceso de participación pública para facer as recomendacións de cores e materiais que máis se parezan a Galicia.
Cómpre salientar ademais que esta guía poderá servir como fundamento e axuda para que os plans urbanísticos e os instrumentos de ordenación do territorio as concreten e as detallen. “Queremos facer unha guía aberta ao futuro, fiel ás tradicións e receptiva ás innovacións”, aseverou, incidindo en que coa nova Lei do solo, coa Estratexia da paisaxe 2014-2016 e cos documentos que se enmarcan nela, como o Catálogo e as Directrices da paisaxe e esta Guía das cores e materiais, “queremos que Galicia sexa máis verde, máis azul e máis diversa”.
Logo de expresar o seu convencemento de que a finais de setembro ou principios de outubro poderase entregar a Galicia o documento para ter esta guía, Feijóo lembrou que o principio fundamental da nova Lei do solo é unha Galicia coidada, ordenada e sustentable, un marco perfecto para un crecemento responsable. Subliñou tamén que o Catálogo das paisaxes de Galicia reflicte o esforzo do Goberno galego por plasmar a diversidade e identificar as diferentes paisaxes que conforman Galicia xa que define: as 12 grandes áreas paisaxísticas, os 258 tipos de paisaxe que resultan da combinación de 5 clases de relevo, 12 tipos de uso e 5 clases de clima e, aínda máis polo miúdo, máis de 28.000 unidades de paisaxe pertencentes a algún deses 258 tipos.