O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) realizou este xoves pola mañá o sorteo para adxudicar 24 vivendas de promoción pública de nova construción en Vigo, que actualmente están en obras na rúa Canicouva. Os pisos sorteáronse entre as persoas que estaban inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia ou tiveran solicitada a inscrición. Os inmobles foron outorgados en función do número de integrantes da unidade familiar.
A maioría das vivendas, un total de 20, teñen tres dormitorios e superficie útil aproximada de 85,70 metros cadrados. Ademais, hai unha de catro dormitorios con 99,65 metros cadrados e tres de diferentes dimensións adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Os pisos adxudicáronse en réxime de alugueiro nos casos nos que os ingresos da unidade familiar non superan 1,5 veces o Iprem e en réxime de compravenda nas unidades con ingresos entre 1,5 e 2,5 veces o Iprem. Do sorteo saíu a lista dos adxudicatarios iniciais (21 da quenda xeral e 3 para a demanda das vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida) e unha lista de espera de 15 persoas demandantes de vivendas adaptadas e 50 para o resto.
En todo caso, o feito de resultar adxudicatario provisional no sorteo non determina a condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos para o acceso ás VPP. No caso de que algún integrante da lista non cumpra os requisitos será excluído desta.
Na adxudicación das vivendas adaptadas para mobilidade reducida tiveron preferencia, en primeiro lugar, aquelas persoas que precisan de cadeira de rodas para os seus desprazamentos ou dependen absolutamente de dous bastóns para deambular. En segundo termo, as persoas que teñan acreditada unha enfermidade ou discapacidade permanente e que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecten notoriamente á súa mobilidade.
A lista de adxudicatarios provisionais resultante do sorteo publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do IGVS. Despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.