O inmoble foi adquirido en decembro de 2017 polo Consorcio do centro histórico e a reforma será para dúas plantas con vivendas e local comercial en planta baixa cunha superficie total de 189 metros cadrados.
Está situado nun solar do que na actualidade só se conserva a fachada orientada cara a Abeleira Menéndez, pois o seu pésimo estado de conservación obrigou ao seu baleirado.
A construción linda, así mesmo, polo norte, coas escaleiras que unen Abeleira Menéndez coa rúa San Sebastián; polo oeste, co edificio de notificacións dos Xulgados de Vigo e, polo sur, co número 18 de Abeleira Menéndez. O orzamento das obras ascende a 175.000 euros.
O Plan Especial de Protección do Casco Vello eleva a nivel “alto” o interese arquitectónico do edificio e sinala que se trata dunha construción “labrada en perpiaño de boa calidade, na que destacan os seus ocos de iluminación protexidas baixo arcos escarzanos”.
Tamén chama a atención sobre “a súa balconada corrida que ocupa todo o longo da fachada á altura do segundo andar”, establecendo que todas estas características, xunto a outras como os canzorros de pedra ou as carpinterías de madeira, son elementos a protexer no proxecto que se presente no futuro para a súa rehabilitación.
En sentido contrario, deberán ser eliminados con todo algúns elementos engadidos ao edificio orixinal que alteraron as súas dimensións iniciais e establécese a necesidade de respectar a existencia dun patio posterior, aínda recoñecendo a dificultade que iso supoñerá para o encaixe das futuras dotacións do edificio.