O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) completou este xoves o sorteo necesario para adxudicar as 33 vivendas de promoción pública que actualmente están en proceso de construción na rúa Ignacio Grobas 19, en Vigo.
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Manuel González González, e a xefa de área provincial do IGVS, María Martínez Allegue, foron as persoas encargadas de presidir este sorteo de asignación que se celebrou na delegación olívica ante notario e a porta pechada por recomendación das autoridades sanitarias por mor da Covid-19.
As 33 vivendas sorteáronse entre os demandantes que estaban inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia ou tiveran solicitada a inscrición. Atendendo á superficie dos inmobles, as dúas vivendas de dous dormitorios contabilizaban 3.938 candidatos; 347 as 25 vivendas de 3; 150 as catro de catro dormitorios e 54 as dúas vivendas adaptadas para mobilidade reducida de tres dormitorios.
Cada piso leva vinculado unha praza de garaxe e un rocho. Todos eles foron adxudicados por lotes, en función do número de integrantes da unidade familiar. Na adxudicación das vivendas adaptadas para mobilidade reducida tiveron preferencia, en primeiro lugar, aquelas persoas que precisan de cadeira para os seus desprazamentos ou dependen absolutamente de dous bastóns para deambular. En segundo lugar, as persoas que teñan acreditada unha enfermidade ou discapacidade permanente e que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecten notoriamente á súa mobilidade.
As vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro nos casos nos que os ingresos da unidade familiar non superan 1,5 veces o Iprem e en réxime de compravenda nas unidades con ingresos entre 1,5 e 2,5 veces o Iprem.
Do sorteo de hoxe saíu a lista composta por 20 solicitantes para as vivendas de dous dormitorios, 40 para as de tres dormitorios e 20 para as de catro dormitorios. No caso de vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, a lista componse por todos os solicitantes.
En todo caso, o feito de resultar adxudicatario provisional no sorteo, non determina a condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos para o acceso ás VPP. No caso de que algún integrante da lista non cumpra os requisitos será excluído desta.
A lista de adxudicatarios provisionais resultante do sorteo publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do IGVS. Despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.