A Xunta de Galicia vén de iniciar o procedemento para adxudicar 33 vivendas de promoción pública (VPP) de nova construción en Vigo, que actualmente están en proceso de construción na rúa Ignacio Grobas 19, na contorna de Cambeses e Barreiro. Ademais, tamén se inicia o procedemento para elaborar unha lista de adxudicatarios de futuras vivendas vacantes noutros grupos de VPP da cidade.
Os pisos, que se poderán entregar a finais deste ano, serán outorgados mediante un sorteo público que se celebrará o 22 de outubro entre os demandantes que na data de hoxe estean inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia ou teñan solicitada a inscrición. As propiedades dispoñen de 2, 3 ou 4 dormitorios. Cada vivenda leva vinculada unha praza de garaxe e un rocho. As súas dimensións oscilan entre os 72 e os 107 metros cadrados útiles.
As vivendas serán adxudicadas por lotes, en función do número de integrantes da unidade familiar. Na adxudicación dos dous pisos adaptados para mobilidade reducida terán preferencia, en primeiro lugar, aquelas persoas que precisen de cadeira para os seus desprazamentos ou dependan absolutamente de dous bastóns para deambular. En segundo lugar terán preferencia as persoas que acrediten unha enfermidade ou discapacidade permanente que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecten notoriamente a súa mobilidade.
Os inmobles concederanse en réxime de alugueiro cando os ingresos da unidade familiar non superen 1,5 veces o Iprem e en réxime de compravenda para ingresos familiares entre 1,5 e 2,5 veces o Iprem.
Do sorteo que se realice o 22 de outubro sairá unha lista composta por 20 solicitantes para as vivendas de dous dormitorios, 40 para as de tres dormitorios e 20 para as de catro dormitorios. No caso dos domicilios adaptados para persoas con mobilidade reducida a lista estará composta por todos os solicitantes.
O feito de resultar adxudicatario provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos para o acceso ás VPP. No caso de que algún integrante la lista non cumpra os requisitos será excluído da mesma.
A lista de adxudicatarios provisionais resultante do sorteo publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do IGVS. Despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación, para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.
Lista para vacantes
Por outra parte, a Comisión Provincial de Vivenda iniciou este mércores o procedemento para a confección da lista de adxudicatarios de vivendas de promoción pública que poidan quedar vacantes noutras promocións da cidade.
A través desta lista adxudicaranse as vivendas que actualmente están alugadas cando queden vacantes no resto de promocións de VPP existentes na cidade de Vigo. Desta maneira, axilízase o procedemento de adxudicación das vivendas cando quedan baleiras por renuncia dos actuais adxudicatarios. Neste caso o sorteo realizarase o 29 de outubro.