Con esta compra dáse un paso máis na revitalización do barrio histórico vigués que o Consorcio vén desenvolvendo desde hai xa unha década, e que se traduciu na adquisición de máis dun centenar de vivendas para a súa posterior rehabilitación e posta a disposición de compradores ou inquilinos no caso dos baixos comerciais.
O edificio agora adquirido consta de baixo e tres plantas, cunha superficie construíble de 265 metros cadrados. A compra supuxo un investimento próximo aos 150.000 euros, segundo puxo de manifesto López-Chaves tras a celebración do comité executivo que autorizou a operación. Situado na zona alta do barrio orixinario da cidade, Cruz Verde 12 terá que ser sometido a un profundo proceso de rehabilitación interior e exterior para lograr a integración na nova contorna que, pouco a pouco vaise creando nesta zona, ata non hai moito tempo unha das máis degradadas da cidade olívica.
Nesta mesma rúa o Consorcio Casco Vello de Vigo -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- rehabilitou anteriormente un edificio no que se construíron seis vivendas e dous locais comerciais e ten agora en proxecto outro inmoble máis no número 8 cuxa obra se prevé licitar este mesmo ano.
O delegado da Xunta lembrou que o investimento previsto ao longo deste ano polo organismo que preside é de 2 millóns de euros; o mesmo permitirá a creación de 13 novas vivendas e 3 locais comerciais. Este investimento súmase aos 30 millóns de euros comprometidos polo Consorcio ao longo dos seus dez anos de existencia, o que permitiu o asentamento na zona duns 150 novos veciños, converténdose nunha das poucas áreas da cidade que gaña poboación. Deste xeito, e de acordo coa experiencia adquirida ao longo desta década, os novos proxectos que se acometan priorizarán, na medida que o permitan as condicións do Pepri no que se integra o Casco Vello, a creación de vivendas de dúas ou tres habitacións, unhas das máis demandadas polos interesados en instalarse na zona.