O Comité Executivo do Consorcio do Casco Vello de Vigo deu este xoves o seu visto e prace ao proceso de adxudicación da vivenda situada na segunda planta do número 25 da rúa Real. Con este obxectivo, acordouse solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo o inicio do proceso de selección de candidatos que poidan optar á compra desta vivenda de protección autonómica.
A construción que agora se pon á venda ten unha superficie de 83,08 metros cadrados distribuídos en dous dormitorios, dous baños, salón-comedor e cociña. O prezo establecido na proposta que se presentará ao IGVS para a súa adxudicación é de 147.360,66 euros.
O edificio que ocupa o número 25 da rúa Real foi rehabilitado polo CCVV en 2009 e sobre as tres vivendas resultantes da promoción, unha por andar, constituíronse dereitos de superficie a favor de residentes na zona que cederon propiedades para facilitar a recuperación da mesma. Ao extinguirse a citada concesión na segunda planta a propiedade reverteu ao CCVV que, de acordo cos seus obxectivos fundacionais, volve ofertala para favorecer o asentamento de novos veciños.
Este proceso de adxudicación é o primeiro que levará a cabo o Consorcio Casco Vello de Vigo durante 2020. Asemade, está prevista proximamente a conclusión das obras nas promocións Cruz Verde 12 e Berbés 41, que permitirán engadir catro novas vivendas á súa oferta de novas residencias.