A reunión, de carácter mensual e relativa ao mes de setembro, foi presidida polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luís Díez, e nela se deu conta de ambas dúas adxudicacións e tamén da Memoria de Actividades pertencente ao ano 2015.
A contratación da obra de rehabilitación en Subida ao Castelo, 12 foi adxudicada á UTE que constituirán as empresas Xestión Ambiental de Contratas, S.L./Construcciones Orega, S.L. por un importe de 355.213,94 euros (sen IVE).
Despois da intervención prevista, que se estima comece antes de que remate o vindeiro mes de novembro e conta cun prazo de execución de 12 meses, resultarán 4 novas vivendas de 2 dormitorios cada unha e espazo para balcóns ou xardíns privados seguindo así o proxecto básico elaborado polos arquitectos César Jiménez López, Antonio Davila Alonso, Luís Meijide Rico e Jesús Cordeiro Rodríguez. A vivenda con maior superficie útil será de 76,85 m2 e a de menor superficie, de 54,25 metros cadrados.
As catro novas vivendas terán acceso directo desde a rúa, dúas delas con acceso desde os extremos da fachada tendo a consideración de dúplex, ocupando planta baixa e semisoto con xardín mentres que as outras dúas sitúanse na planta alta, con balcóns, onde accédese desde un vestíbulo con acceso desde a fachada principal. A leira sobre a que se actuará ten unha superficie de 161 m2 xa que á súa área orixinal agregáronselle 44 procedentes doutra na contigua rúa Ferrería, tamén adquirida polo CCVV.
De acordo coas directrices do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello este proxecto terá coma elementos a protexer da edificación orixinal as carpinterías de madeira, debendo substituírse as de aluminio instaladas na actualidade nalgúns ocos do edificio; outras actuacións para desenvolver serán a adecuación da cuberta ao recolleito na ficha do citado documento urbanístico; así mesmo deberase manter a edificación en adecuadas condicións de seguridade e ornato público e procederase a eliminación dás teas asfálticas en fachada.
Contratación para o tratamento da praga de termitas
Outro dos asuntos que se tratou hoxe no Comité Executivo do CCVV foi a adxudicación da contratación do servizo para o tratamento da praga de termitas mediante o sistema de cebos seguindo o estudo preventivo feito hai meses nos inmobles da zona alta do Casco Vello.
A contratación do servizo foi adxudicada á empresa Agronerga S.L. por un importe de 46.642,75 euros (sen IVE). O prazo de execución do servizo é de 4 anos e conta cun prazo de garantía de 40 meses. Dende o CCVV estímase que se porá en marcha antes de rematar o vindeiro mes de novembro tras a firma do contrato e a resolución dos trámites administrativos.
O Consorcio decidiu levar a cabo esta medida preventiva coa colaboración de todos os propietarios seguindo a súa propia política de mellora da habitabilidade dentro do casco histórico e, sobre todo, da zona alta do barrio. A pesares de que excede as competencias propias do organismo, o Consorcio impulsou hai meses esta iniciativa, tendo ademais unha duración que se alongará no tempo, que hoxe se completa coa adxudicación do servizo.