O Comité Executivo do Consorcio do Casco Vello de Vigo deu este xoves o seu visto e prace á licitación de dous novos proxectos no barrio histórico da cidade. Unha operación que suporá a rehabilitación por un importe de 1,5 millóns de euros das edificacións da rúa Berbés 29 e San Francisco 15. Esta reforma implica unha intervención sobre uns 1.000 metros cadrados de superficie útil e permitirá aumentar en seis as novas vivendas nesta zona, así como dispor doutro local comercial.
A obra en Berbés 29 afecta en realidade á agrupación de tres edificios –Berbés 29, Berbés 31 e Poboadores 40- adquiridos no seu día polo CCVV, o que suporá unha das maiores actuacións acometidas por este organismo no barrio mariñeiro vigués. Dará lugar a unha edificación cunha superficie total construída de 795,70 metros cadrados distribuídos en sete niveis, con catro vivendas e un local comercial. O orzamento básico de licitación neste caso é de máis de 1.127.360 euros.
Pese a súa consideración como unha única intervención, o proxecto -elaborado polo estudo do arquitecto Javier Vázquez Fernández- sinala como un dos seus puntos básicos o mantemento da diferenciación dos edificios que a configuran, a fin de manter a súa integración na peculiar contorna urbanística do Berbés. Para iso respectaranse os accesos desde as dúas rúas cara ás que abre as súas fachadas esta promoción. Deste modo, lógrase a integración vertical das vivendas, zonas comúns e zona comercial a través dun ascensor e unhas escaleiras interiores que permitirán salvar o importante desnivel entre a entrada pola praza do Berbés e a da rúa Poboadores.
O respecto á tipoloxía das fachadas propias do leste tradicional do barrio vigués é outro dos elementos tidos en conta no proxecto. Para iso conservarase o característico soportal mariñeiro da planta baixa e recuperarase un oco cegado na planta primeira, adaptándose os traballos de cantería e carpintería necesarios para a recuperación do conxunto aos condicionantes establecidos polo PEPRI do Casco Vello.
En canto á distribución da planta baixa, situada ao nivel da Praza do Berbés, aloxará zonas comúns e un local comercial de 77,10 metros cadrados . Na primeira planta estarán situados catro rochos, zonas comúns e unha vivenda de 97,35 metros cadrados, dotada cun dormitorio e un baño. As plantas segunda e terceira aloxarán unha vivenda cada unha delas, ambas de dous dormitorios e dous baños e unha superficie de 135,75 e 112,5 metros cadrados respectivamente. A última das vivendas será un tríplex de 98,80 metros cadrados, tamén dotado con dous dormitorios e dous cuartos de baño, que se distribuirá entre as plantas cuarta, quinta e sexta.
San Francisco 15
A segunda das intervencións corresponde a San Francisco 15, un edificio adquirido en setembro de 2018 e que debido ao seu mal estado de conservación tivo que ser baleirado, manténdose tan só en pé na actualidade as dúas fachadas frontais cara ás rúas San Francisco e Poboadores, a fachada lateral cara a un canellón con escaleiras que comunica as citadas vías e a parede medianeira.
Esta actuación exponse cun orzamento base de licitación de 369.812,05 euros para, de acordo co proxecto elaborado polo arquitecto Rafael Cabeza Rey-Stolle, dará lugar a dúas novas vivendas tipo dúplex, con acceso independente para cada unha delas, distribuídas entre a planta baixa e os tres niveles superiores do edificio, tal e como subliñou a presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo.
Ambas as vivendas divídense nunha zona de día, situadas nas plantas inferiores e onde se atoparán un salón-comedor-cociña, un aseo e un lavadoiro- tendal, e zona de noite formada por tres dormitorios e un baño e situadas nas plantas superiores.
A vivenda A, distribuída entre a planta baixa e a primeira altura, terá unha superficie útil de 110,84 metros cadrados e á mesma accederase polo lateral do edificio. A denominada vivenda B, á que se accederá desde a rúa Poboadores, ten unha distribución similar e unha superficie útil de 119,74 metros cadrados. Ambas contarán, ademais, cun pequeno balcón.