O xurado acordou a concesión dos catro premios previstos e un total de 12 mencións. Así, o Premio Galego de Arquitectura, concedeuse á Casa Chao, situada na localidade coruñesa de Corcubión e que foi levada a cabo polos arquitectos: Juan Creus e Covadonga Carrasco.
Trátase dun proxecto que resolve, dende formas e sensibilidades actuais, o programa dunha vivenda unifamiliar, logrando a integración desta nova edificación nun núcleo tradicional galego. No proxecto destaca o coidado deseño e valor dos espazos interiores; o desenvolvemento da planta; a integración e dialogo que xera entre o interior e o exterior, así como o adecuado uso en fachada de materiais e elementos construtivos actuais que conseguen unha axeitada integración no conxunto urbano no que se inxire e establecen un frutuoso diálogo coas edificacións tradicionais do contorno.
O xurado tivo en conta os valores arquitectónicos da proposta e tamén o significado da intervención dende o punto de vista urbano, que constitúe un exemplo de intervención na cidade histórica.
O galardón Galego de Rehabilitación recaeu na rehabilitación dos catro edificios da sede do Rexistro da Propiedade de Vigo, na Rúa Real, cos arquitectos: Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso. Unha rehabilitación que resolve a complexidade que supón encaixar o programa proposto mediante a rehabilitación de tres edificios, orixinalmente destinados a vivendas, inxerindo axeitadamente a rehabilitación na trama urbana cuxos espazos públicos se prolongan cara aos espazos públicos creados no interior do novo conxunto edificatorio mediante estratexias de permeabilidade e transparencia e enriquecen as sensacións espaciais das rúas que circundan o edificio.
O proxecto pon en valor unhas edificacións en desuso e articula os espazos de traballo, fragmentándoos, para dar resposta as esixencias do programa e á propia configuración das edificacións preexistentes e contribuíndo á creación dun conxunto de grande riqueza espacial, onde a calidade dos espazos veñen reforzados por un coidado na resolución dos detalles construtivos e no emprego dos materiais, por a propia austeridade dos medios empregados.
O premio especial á sustentabilidade foi para o Camping Illa de Ons,, elaborado polos arquitectos: Juan Zaballa Malcorra e Daniel Guisande Lago. Neste traballo destaca a integración na contorna dun espazo natural protexido mediante o deseño das construcións e a coidadosa elección dos materiais. Predomina o uso da madeira, un elemento esencial para conseguir a integración coa paisaxe e a sustentabilidade da edificación. Así mesmo o proxecto destaca polo emprego de instalacións autosuficientes de electricidade, abastecemento de auga potable e o tratamento de augas residuais.
Así, no galardón especial á traxectoria profesional, o xurado acorda, por unanimidade, conceder a Andrés Fernández-Albalat Lois o premio especial á traxectoria profesional, en recoñecemento á súa meritoria traxectoria profesional en favor da arquitectura no territorio galego. Exemplos da súa obra traxectoria e a participación fundacional no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; o seu labor docente na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Coruña; o seu papel central e dinamizador na cultura de Galicia; e, sobre todo, a súa excepcional obra arquitectónica e urbanística.
Mencións
Ademais dos premios concedidos, o xurado salientou tamén o traballo dun amplo número de arquitectos nas tres categorías en que se divide o premio. Polo que na categoría de Arquitectura os premiados foron: Vivenda sobre o Miño en urbanización Pazo de Ramirás, en Ourense, de Manuel Jorreto Díaz; o Pavillón de celebracións do Pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra), de Martín de Cominges Carvallo e José Javier Villacé Rodríguez; o Centro social de Oleiros, en Ribeira, de Carlos Seoane; o Centro de actividades mariñeiras e cabanas do Barranco, en Ousesende, Outes (A Coruña), de Francisco Liñares Tuñez e Alfonso Salgado Suárez; o Centro docente asistencial Down Coruña, en Pedralonga, A Coruña, de Emilio Rodríguez Blanco e José Luis Martínez Raído.
Na categoría de Rehabilitación os premiados foron: Rehabilitación de vivenda na rúa Bonaval 6, en Santiago de Compostela, de Jesús Conde García; Casa do Medio, en Santiago de Compostela, de Óscar Andrés Quintela e Juan Andrés Quintela; Rehabilitación de vivendas no casco histórico de Vigo. Rueiro delimitado polas rúas Ferrería, San Sebastián e Baixada á Costa, de Perfecto Cendón Domínguez e Francisco Javier Vázquez Fernández; Restaurante das minas San Finx, en Lousame (A Coruña), de Dosesmas Arquitectos (Álvaro Marín Durán e Alfonso)¸ Fundación Rubido Romero, en Negreira (A Coruña), de Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez.
Finalmente, na categoría de Sustentabilidade os premiados foron: Dezanove House, en Ribeiriña, A Pobra do Caramiñal (A Coruña), de José Ignacio Leite Martínez; Escola infantil no Campus Universitario de Ourense, de Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez.