A reunión, de carácter mensual e relativa ao mes de agosto, foi presidida polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luís Díez, e nela se deu conta do documento no que se propoñen as actuacións e investimentos para o vindeiro exercicio.
Entre elas, se propoñen as seguintes accións a realizar: continuar co programa de eliminación de pintadas ademais de continuar co proceso de rehabilitación de inmobles na parte alta do Casco Vello e tamén na zona do Berbés. Concretamente, forma parte da planificación a recuperación dos inmobles en Ferrería, 8, 10 e 45; Subida ao Castelo, 12; Subida á Costa, 5: Cruz Verde 8 e o inicio de rehabilitación dos edificios situados na Praza do Berbés, 5, 7 e 41. A inversión estimada para estas actuacións chega case aos 2,3 millóns de euros.
Pola súa banda, Abel Caballero considera que a actuación urbanística na contorna do Berbés ten que constituírse nunha «grande prioridade» polo que o Concello instou ao Consorcio do Casco Vello a iniciar a rehabilitación de fachadas.
Segundo sinalou o alcalde, no presuposto aprobado da entidade para 2017 «aumentamos a achega municipal» e «urximos» ao Consorcio a que actúe no Berbés, que é «un grande obxectivo», de maneira que «nos propoñemos reforzar» a acción de rehabilitación nos edificios do Berbés.