Coma explicou o delegado, trátase de dúas novas actuacións que o CCVV ven de comezar recentemente na zona alta do casco histórico co obxectivo de que estean rematadas “no prazo dun ano”. O seu orzamento é de case 950.000 euros.
Acompañado polo xerente do organismo, Alfonso Ramos, así coma polos arquitectos de ambos proxectos –Antonio Cominges e Eva María Castro Álvarez, respectivamente- e polos responsables das dúas empresas adxudicatarias, López-Chaves coñeceu de primeira man todos os detalles técnicos e arquitectónicos. “Estamos a recuperar parte da nosa historia e do noso patrimonio”, valorou o delegado, quen explicou ademais que o traballo do Consorcio continúa neste ano con novas intervencións que sairán a licitación nos vindeiros meses e outros proxectos que xa están enriba da mesa.
Especificou así que neste exercicio se licitarán as obras en Subida ao Castelo, 12 e Cruz Verde, 8 ademais de avanzar cos proxectos de Ferrería, 8 e Subida á Costa, 5. “Grazas ao labor do Consorcio conseguimos que moita xente volva a vivir ao Casco Vello”, considerou. De feito, con estas actuacións supérase xa o centenar de vivendas recuperadas onde xa residen ao redor de 150 persoas.
Ferrería 10-12
As obras de reestruturación en Ferrería 10-12 permitirán contar con 2 novas vivendas e 1 local comercial nun mesmo e unitario edificio. A adxudicación dos traballos se fixo por 270.000 euros e foi proxectado polos arquitectos Antonio Cominges Carvallo e Harald Binkele. Segundo o proxecto, as vivendas serán de 1 dormitorio e terán unha superficie útil de 56,79 metros cadrados cada unha ademais de contar cun patio exterior para a entrada de luz natural. O baixo comercial contará con arredor de 37,48 m2.
Ferrería 45-47
O proxecto de recuperación nos inmobles de Ferrería 45-47 permitirá a construción de 4 vivendas e 1 local comercial nun mesmo edificio. O custe desta construción supón un investimento de 670.000 euros e foi proxectado pola arquitecta Eva María Castro Álvarez. Segundo o proxecto, tras a intervención haberá un dúplex de 3 dormitorios, 1 vivenda de dúas habitacións e, por último, 2 pisos con 1 dormitorio. As superficies resultantes oscilarán entre 56,65 metros cadrados dun piso de unha habitación e 119,65 m2 do dúplex. O local comercial contará cuns 63,60 metros cadrados. Ademais, este proxecto contempla a existencia dun xardín posterior para conseguir luminosidade ademais de respectar e protexer as lareiras de acordo coa normativa establecida.