Trátase de vivendas que estaban en aluguer e que foron recuperadas tras quedar vacantes polos anteriores adxudicatarios.
As 3 vivendas que se adxudicaron hoxe entre os inscritos no réxime de VPP en Cascos Históricos para a cidade olívica están ubicadas na rúa Subida ao Castelo 14-16 e Ferrería 39-41. Dúas delas, concretamente as de Subida ao Castelo, son propiedade e serán xestionadas posteriormente polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) mentres que a vivenda ubicada en Ferrería é propiedade do IGVS.
Pola tipoloxía do réxime de cualificación –vivendas de promoción pública cualificadas en casco histórico- ditas vivendas se sortean en condicións especiais para unidades familiares compostas por 1 ou 2 membros e con idades comprendidas entre 18 e 35 anos. Todas elas son dun dormitorio e se adxudican en réxime de aluguer.
O sorteo, público e ante notario, tivo lugar hoxe no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta e nel estivo presente o delegado da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo, Ignacio López-Chaves.
Listas provisionais
Tras o sorteo, déronse a coñecer as listas provisionais cos nomes dos 3 adxudicatarios ademais de quedar conformada unha lista de espera de ata 50 persoas demandantes seleccionados entre todos os que figuren inscritos ou con solicitude de inscrición presentada ata a data da resolución de inicio do procedemento, o 26 de abril, e que estean anotados na opción de aluguer para VPP en núcleos históricos da cidade de Vigo.
As listas provisionais serán publicadas na web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo e das dependencias do IGVS en Vigo e Pontevedra, dando aos interesados que se consideren prexudicados un prazo de dez días para a presentación de alegacións ou reclamacións. Paralelamente, os técnicos da Xunta comprobarán o cumprimento dos requisitos por parte dos incluídos na lista de adxudicatarios.