O salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8, planta baixa) acollerá o vindeiro luns, 21 de marzo (10:30 horas) unha nova sesión dos encontros informativos «Construíndo Fogar«. A xornada, aberta ao público en xeral, vai dirixida a invitar ao tecido social da cidade de Vigo e a súa área a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.
A iniciativa da Xunta de Galicia contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para informar dos detalles de máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes. O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.
Ademais do público en xeral, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.
Rehabilitación, compra ou alugeiro
Durante a xornada o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.
Trátase do segundo encontro que se celebra na provincia de Pontevedra e o cuarto na comunidade. Están convocados representantes dos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo. Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.
Camiños de Santiago
No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da comarca, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, xa que por Baiona, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela e Vigo discorre o Camiño Portugués, incluída a súa variante pola Costa.
Do mesmo xeito, os catro núcleos históricos da comarca emprazados en Baiona, Cangas e Vigo —Bouzas e o centro— pódense beneficiar de forma específica da liña de incentivos exclusiva para estes ámbitos.
Nova Oficina de rehabilitación
A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.
Así mesmo, o encontro de Vigo servirá presentar a nova Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha recentemente pola Xunta e que está chamada a ser o novo punto informativo para asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial.
Esta oficina xa está en funcionamento e permanece aberta de luns a venres polas mañás, en horario de 9 a 14 horas. Os interesados teñen a opción de facer consultas por teléfono, a través do número 881 045 897, o mesmo ao que hai que chamar para pedir cita previa en caso de preferir atención presencial en Santiago de Compostela.