Tamén poderán beneficiarse os propios consistorios para actuacións de urbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.
Ademais dos cartos asignados no reparto actual, o Concello de Vigo dispón de máis de 600.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015, que foron prorrogados para que a cidade non perdese ese importe, e 999.355 euros correspondentes aos convenios asinados en outubro de 2017. Desta maneira, a cidade disporá dun total de 4,15 millóns de euros para actuar sobre áreas de rehabilitación integral da cidade.
O seguinte paso será asinar un convenio co Concello, para que a administración municipal poda proceder á convocatoria das axudas, que deberán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.
As subvencións
O importe das axudas contemplan ata un 40 por cento do custe subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou se acredite que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
A achega máxima da axuda estatal por vivenda será da seguinte contía:
- 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
- 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
- 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
- 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos.
- 1.000 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar a xestión e os equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.
Cómpre destacar que as axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes. O importe das subvencións autonómicas terán unha contía máxima:
- 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención exceda do 10% do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.
- 1.500 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.
Tui e Cangas
Tamén na comarca de Vigo, o Concello de Tui beneficiarase do reparto de fondos correspondentes a 2018. Concretamente, este ano recibirá 130.658 euros, contía que se sumará aos máis de 399.000 euros pendentes de execución correspondentes aos convenios das anualidades de 2015 e 2017.
Pola súa nanda, Cangas disporá de 512.259 euros, fondos que se engaden aos 117.500 euros que ten pendentes de executar do convenio asinado en outubro de 2017.